A Deputación levará ao pleno provincial de marzo o Plan Único 2021, con 24 millóns de dotación

As xeorutas de Burela, a Festa da Faba 2021 ou a promoción do Vicedo son algúns dos proxectos incluídos no documento

Ferreiro, Tomé e García Porto, nunha rolda de prensa da Deputación de Lugo. AXM

Deputación de Lugo levará ao pleno ordinario de marzo, previsto para o vindeiro martes 30, a relación de actuacións e proxectos do Plan Único 2021 que, dotado con case 24 millóns de euros, financiará obras, accións nos sectores do emprego e a axuda no fogar e medidas anticovid-19 en toda a provincia lucense.

As actuacións do plan, propostas polos 67 concellos provinciais, foron tratadas este xoves na comisión informativa de asuntos do pleno -na que están representados todos os grupos políticos provinciais-, unha reunión previa á sesión plenaria do próximo martes.

Tal e como informou a institución provincial nun comunicado, 21,5 millóns de euros do total do Plan Único son achegados pola Deputación, unha cifra que alcanza os 24 millóns de euros “grazas ás contribucións dos municipios”.

Da partida total, como acordaron as entidades locais, 15,2 millóns de euros -o 70% do plan- destinaranse a investimentos para acometer 332 obras e subministracións. Algunhas das actuacións contempladas son a renovación de pavimentos en estradas, pistas e camiños municipais, a mellora da iluminación pública, e a realización de plans de ordenación do tráfico e o estacionamento, entre outras.

Á creación e fomento do emprego irán parar 3,5 millóns de euros “cos que se crearán 300 postos de traballo”, e ao Servizo de Axuda non Fogar (SAF), outros 3 millóns de euros “para atender a máis de 3.000 persoas”.

A loita contra o coronavirus tamén figura contemplada nas actuacións propostas para o plan provincial de 2021. Así, 800.000 euros destinaranse a medidas sociais e económicas para paliar o impacto da covid-19. Neste sentido, as accións centraranse na compra de material de protección ou na concesión de axudas directas a autónomos e empresas.

OUTRAS ACCIÓNS

Doutra banda, e amparados polo Plan Único, os concellos tamén traballarán en actividades ou eventos de promoción turística, aos que se destinarán 126.540 euros. Algunhas das actividades xa programadas son as rutas xeolóxicas en Burela, a Festa da faba 2021 do concello de Lourenzá, ou a promoción das localidades de Monforte de Lemos e O Vicedo.

Os concellos, segundo a Deputación, seguen “apostando polo investimento na mellora da administración electrónica e da protección de datos”, cun programa que ascende aos 145.000 euros que alcanzará a 15 concellos.

O Plan Único tamén inclúe nas súas bases un apartado propio para Protección Civil no que este ano se recollerán os gastos correntes relacionados coas unidades e que ascende a 14.500 euros.

O programa de feiras e mercados leva case 35.000 euros, “unha cantidade moi inferior a anteriores anualidades debido á situación de pandemia que impide a celebración de eventos que congreguen a grandes grupos de persoas”.

O plan provincial destinará ademais máis de 200.000 euros a actividades culturais tales como escolas de música, teatro ou actuacións, e outros 75.000 euros ao fomento do deporte –scolas deportivas, cursos de ximnasia, carreiras populares e “calquera evento que promova os hábitos saudables desde a óptica deportiva”-.

GARCÍA PORTO RESALTA QUE O DOCUMENTO “NUNCA SE APROBOU TAN CEDO”, O QUE AXUDARÁ “Á PLANIFICACIÓN”

A voceira da formación socialista no goberno provincial, Pilar García Porto, expuxo que “incrementamos a achega ata os 21,5 millóns, facéndoo desde o compromiso de máxima cooperación cos Concellos e polo tanto tamén coa calidade de vida dos veciños da provincia, agora que é máis necesario ca nunca pola pandemia“.

Así, resaltou que “é a primeira vez que se aproba o Plan Único tan cedo, polo que os Concellos recibirán os fondos antes ca en anualidades anteriores, tendo unha maior capacidade de planificación”.

FERREIRO CRE QUE O PLAN ÚNICO “É UNHA FERRAMENTA FUNDAMENTAL” PARA “A XESTIÓN EQUITATIVA DOS FONDOS”

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, sinalou que  “coa aprobación desta relación de proxectos prevista para o martes, damos o último paso para que os concellos poidan dispoñer dos fondos que reciben da Deputación a través do Plan Único, 21,5 millóns de euros que se reparten en base a criterios obxectivos e atendendo ás demandas dos gobernos municipais xa que son os concellos os que fan as propostas dentro das liñas de actuación establecidas”.

“Cremos que o Plan Único é unha ferramenta fundamental para unha xestión equitativa dos fondos por iso seguiremos apostando por reforzalo, como fixemos nestes dous anos, co obxectivo de contribuír á mellora das condicións de vida dos veciños e das veciñas de todos os concellos”, concluíu.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here